jueves, 9 de abril de 2020

Non é unha cea sen máis




Subir a Xerusalén é como camiñar dereito cara ao ollo do furacán, é como meterse de cheo conscientemente nunha situación sen saída. Cal é esa razón de peso que ten Xesús para subir con esa seguridade? Ou é que é un inconsciente? 

Hai actitudes que constrúen acontecementos e que co tempo entran nunha situación de embudo, dirixíndose sen remedio cara un final marcado pola traxedia. Son actitudes de loita polo ben e a xusticia ou de inclinación ao mal. Non hai dúbida de que a inclinación de Xesús é cara o ben e que o que o move nesa dirección é o amor, a compasión e a confianza que ten nas posibilidades da humanidade. Mostra, eso sí, unha lóxica, que se é divina está moi lonxe da lóxica humana. Só hai que escoitar o sermón do monte-benaventuranzas, tratar de poñerse na pel de leprosos, cegos e pecadores, oírlle falar do Reino, de que os últimos serán os primeiros, da oración sincera sen buscar protagonismos, de que “quen queira ganar a súa vida perderáa pero quen a perda por min …” 

É posible que nos fascinen e atraian as persoas que alcanzan grandes metas na súa vida; que, incluso, sexan referentes na nosa ou, ademáis de admiración, causen en nós certa envexa. E todo porque son famosos, ou porque económicamente están moi por enriba da media, ou porque poden vivir unha vida cómoda, … Vivimos nun mundo no que a Torre de Babel quédasenos pequena, no que falamos moitos idiomas distintos e nos falta entendemento, no que criticamos o que ao mesmo tempo ensalzamos ou desexamos. Un mundo no que todos nos sentimos con autoridade para dicir o que está ben ou o que está mal, para facer xuízos e dictar sentencias cando falamos dos demáis. A tolerancia e o respeto nesta burbulla, que chamamos terra, son só palabras que se repiten sen consecuencias. O criterio propio convértese en norma e paradigma; e manifestámonos contrarios a todo “o que non pense coma min”, poñendo por riba as ideas e non as persoas. E con todo, esta historia que estamos a construir non é moi diferente da que se vivía en tempos de Xesús. Como daquela hai hoxe publicanos, fariseos, pecadores, ladróns e persoas de ben. E repítese algo moi común: deixámonos levar pola maioría ou polo poder, que radica na fama, na economía, no egoísmo, no autoritarismo ou na indiferencia. 

Vistes o que fixen eu con vós? Facede o mesmo os uns cos outros. Lavar os pés cando alguén entraba na casa era a misión propia dos esclavos, que se abaixaban e lles lavaban os pés cheos de polvo do camiño aos invitados. Pero Xesús da un paso máis e mostra o corazón de Deus en estado puro, que se abaixa, que é humilde, que sirve e que o fai con todos, sin excepcións nin acepcións: a quen lle mostra amor e a quen o nega, a quen o abandona e a quen o traiciona. Non hai ideas, criterios nin diferencias, hai persoas ás que Xesús se abaixa para lavárllelos pés. 

Quen pon a súa mirada e atención nos máis pobres? Quen é capaz de mirar con compasión a quen se equivoca na vida? Quen, antes de xulgar a ninguén, mira a profundidade do corazón humano? Quen trata de dar ou, mellor dito, de ser resposta ás inquietudes dos homes e mulleres de hoxe? 

Xesús estase achegando á parte máis angosta da súa vida. Eu creo que contemplar a Cristo na Cruz é un dos momentos que expresan mellor o o que hai no corazón humano e no divino e que a Resurrección é o gran acontecemento cristiá. Pero, hai unha escena na vida de Xesús que para min se converte en centro, lugar ao que se dirixe a súa vida pública e de onde parte cara o momento final. É ese momento embudo que non pode ser máis estreito, pero que desemboca na inmensidade, na eternidade. É a cea do Señor, a última cea. Ao redor da mesa e na mesa recóllese todo o vivido e manifestado ata o presente. Non é unha cea sen máis senón que é a Cea, o momento de recapitular, de recoller, de entender e aceptar, de facer propia a misión. 

O pan e o viño son o compendio da vida de Xesús, e só quen se alimenta dese pan e dese viño sinte súa esa mesma misión. A Última Cea é o momento no que o gran (coma o gran de trigo) cae na terra e se dispón para morrer e poder dar así froitos abondosos. É o lugar e momento no que nada é alleo, no que non hai posibilidade para a mediocridade ou a indiferencia. Sentarse á mesa significa moito máis que levar o alimento á boca. É compartilo todo e é coller forzas para finalizar a misión. Na mesa só ten cabida o amor e fraternidade, a misericordia e o perdón. Tomade e comede: isto é o meu corpo que se vai entregar por vós. Tomade e bebede: esta a sangue da nova alianza que se vai a verter por todos… Son as palabras de Xesús que se cumplen minuto a minuto, que se expresan no acontecemento da Cruz e son base e contido que desembocan na gran celebración da Resurrección. Non hai Gloria sen Pasión. 

A historia convértese en historia de Salvación. Naquel momento, hoxe e sempre. Achégome, déixome lavar os pés polo Señor e participo da mesma mesa, tamén eu, hoxe e aquí, na miña casa, confinado; e cando se me permita, na celebración comunitaria. Non é un simple rito, non é unha repetición. É Deus, sempre actual na nosa historia, na miña propia historia. 



FELIZ TRIDUO PASCUAL.

Alfonso Mera
Párroco de Santa Uxía de Riveira

No hay comentarios:

Publicar un comentario